CRTVG

Buscar

Jácome asegura que as conversas co PP para volver ao goberno están avanzadas

Publicado o 27/05/2021 13:27
Jácome asegura que as conversas co PP para volver ao goberno están avanzadas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, apuntou á existencia de conversas co PP galego, "ao máis alto nivel", para estudar o posible regreso do grupo popular ao goberno da cidade.

O rexedor deixouno caer nunha comparecencia de prensa, onde volveu deixar a porta aberta ao resto de partidos, incluído o PP, malia aclarar que a día de hoxe "non hai nada pechado". Con todo, recoñeceu que as conversas co PPdeG están avanzadas para que regrese ao goberno.

O PP rompeu o pasado ano o cogoberno con Jácome en Ourense por perda de confianza, tras a denuncia presentada por cinco dos sete edís críticos do partido do alcalde.

Jácome deixou claro que o Goberno (en minoría) está a funcionar "mellor que nunca", malia contar co único apoio de dous concelleiros, da corporación conformada por 27 edís. É o "Goberno máis barato da historia", dixo Jácome, malia a ampla nómina de eventuais.

O rexedor ourensán reiterou o seu compromiso de "tentar" no que resta de mandato que a cidade teña "un antes e un despois", logo de dous primeiros anos que cualificou "de tenteo".

De feito, comparou un mandato cunha carreira de atletismo de 1.500 metros, onde "solucionamos moitas cousas" e sentáronse as bases co compromiso de "transformar" a cidade.

Ao preguntarlle sobre este particular, o portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que "non lle sorprende" a posible existencia de negociacións para unha posible volta do PP ao goberno ourensán.

"Todos sabemos que o microgoberno de tres non está aí polos seus propios méritos, senón porque o PP impide que haxa goberno alternativo e estable", resolveu.

Villarino acusa o PP de dar "un balón de osíxeno" á mesma persoa "que situou alí" malia a súa "evidente incapacidade de xestión".

Noticias web

27/05/2021