CRTVG

Buscar

J. C. Piñeiro Docampo (Compromiso): "É necesaria unha resposta nova"

Publicado o 22/05/2020 11:42

A convocatoria das elección autonómicas para o 12 de xullo activou as executivas dos diferentes partidos. Esta semana falabamos co voceiro de En Marea, formación que non se ía presentar o pasado 5 de abril, e que agora busca alianzas. Talvez Compromiso por Galicia poida ser un deses socios.

Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso, comenta que "desde febreiro do ano pasado vimos propoñendo un entendemento entre as forzas galegas. As direccións de En Marea, do Partido Galeguista e Compromiso estamos tendo contactos, pero en última instancia corresponde aos homes e mulleres de Compromiso tomar a decisión aínda que eu estou esperanzado para que nesta nova convocatoria electoral si haxa unha candidatura de coalición ou de plataforma".

No tocante a eses contactos, Piñeiro Docampo sinala que "de momento, son contactos para definir o programa e o que Galicia precisa co panorama da actual crise sanitaria, social e económica. É necesaria unha resposta nova. De momento estamos falando dos puntos que nos unen. Creo que temos que camiñar cara a un acordo de mínimos que vaia cara a todas as organizacións que se queiran sumar".

Ademais, o secretario xeral de Compromiso confesa que "esta non é unha convocatoria normal. Queremos aportar a nosa visión para unha mellor reconstrución da economía e da sociedade e para unha mellor resposta en futuras crises".

Noticias web

22/05/2020