CRTVG

Buscar

Iván Ares gaña o Rally de Ferrol

Publicado o 21/08/2021 15:59

Levaba dous anos sen gañar unha proba do Campionato de España e Iván Ares puido celebrar no Rally de Ferrol o primeiro triunfo deste 2021. Ares rematou por diante do burgalés Efrén Llarena e do líder no Supercampionato Cohete Suárez. 

Ao final da primeira xornada Iván Ares ocupaba a primeira posición, con 22 segundos de vantaxe sobre Llarena e 37 sobre o ourensán Javier Pardo. Cohete Suárez tivo un problema no cuarto treito, no que se deixou máis de corenta segundos, e afrontaba a xornada decisiva a 38.4 do cambrés Iván Ares.

Xa na xornada do sábado, Cohete comezou dun xeito espectacular gañando o TC5, pero un atraso á hora de comezar o treito custoulle vinte segundos de penalización, que lle deixaban case imposible a opción de lograr o triunfo final. Ares perdeu tempo neste TC5 pero no TC6 volveu amosar a mellor versión e marcou o terceiro scratch do Rally afianzando ese primeiro posto. 

Suárez asinou tres scratchs nos últimos tres treitos pero Ares, cunha pilotaxe moi sólida, mantívose sen cometer erros moi preto dos mellores tempos, uns rexistros que lle serviron para lograr o triunfo na casa. 

Noticias web

21/08/2021