CRTVG

Buscar

Italia rexistra o maior número de altas hospitalarias nun día

Publicado o 31/03/2020 11:09

Italia prolongará "todas" as medidas para conter a propagación do coronavirus, o confinamento e as restricións de movemento, "polo menos" ata o próximo 12 de abril, segundo avanzou hoxe o ministro de Sanidade, Roberto Speranza. As restricións debían expirar o próximo 3 de abril, aínda que o Goberno debe aínda decretar a súa extensión, algo no que xa está a traballar.

O ministro mantivo este luns unha reunión co comité técnico e científico que lle asesora e do que obtivo a recomendación de prorrogar todas as medidas de contención "polo menos ata Pascua", que este ano cae no 12 de abril. "O Goberno actuará nesa dirección", lese nun comunicado. Esta prórroga xa se esperaba en Italia e o presidente do Consello Superior de Sanidade, Franco Locatelli, ao ser preguntado hoxe por unha eventual reapertura do país, respondeu: "Falaremos despois de Pascua". As autoridades consideran que a distancia social e a limitación de movementos en todo o país é o modo máis efectivo para conter a limitación do virus.

O número de falecidos en Italia a causa do coronavirus alcanzou este luns os 11.591, ao rexistrarse 812 nas últimas 24 horas, mentres o aumento dos casos de contagios reduciuse claramente, segundo os datos difundidos hoxe por Protección Civil. As persoas infectadas actualmente son 75.528, co que se rexistraron só 1.648 máis que o domingo, menos da metade dos aumentos dos últimos días. Desde que o pasado 20 de febreiro se detectou o primeiro caso en Italia, o número total de contaxiados é de 101.739 en Italia, dos que 14.620 xa curaron. De todos os casos positivos actualmente, a maioría, o 58 %, están a se recuperar illados nas súas casas, con síntomas leves ou sen síntomas, mentres preto de 4.000 atópanse en coidados intensivos.

Francia supera as 3.000 mortes por coronavirus

Francia superou este luns as 3.000 mortes por coronavirus, cun total de 3.024 falecementos desde o inicio da epidemia e 44.550 casos confirmados, anunciou o director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon. Nas últimas 24 horas rexistráronse 418 mortes, o que supón o incremento diario máis forte ata a data. Dos 44.550 casos confirmados, 5.056 pacientes atópanse en reanimación, engadiu o representante francés na súa conferencia de prensa diaria sobre a evolución da situación.

Os EUA, o país con máis casos

Os Estados Unidos mantense como o país con máis contaxios. Donald Trump insta a manter as medidas de illamento social ata o 30 de abril. Tamén aquí preocupa o déficit de material de protección. Nova York, a zona máis afectada monta un hospital de campaña en Central Park. E a cidade chegou un buque hospital militar para atender os doentes de COVID-19.

Moitos gobernos prepáranse para afrontar a escaseza de camas hospitalarias. En Gales instalan un hospital a toda presa nas instalacións dun clube de rugby. Medicos sen Fronteiras organiza un centro sanitario en Bruxelas para atender persoas sen fogar . Tamén se adaptan ás novas necesidades estas instalacións militares en Suecia. En Italia mesmo chegaron a reconvertir en hospital un barco de pasaxeiros.

Mentres a cidade chinesa de Wuhan, epicentro da pandemia, prepárase para deixar atrás nunha semana case tres meses de confinamento. Xa abriron o 80% das tendas e parte do transporte público. Aquí remata outro día sen contaxios pero a xente non esquece e segue mantendo a precaución.
 

 

 

 

Noticias web

31/03/2020