CRTVG

Buscar

Italia prohibe despedir por razóns económicas e Francia aproba grandes axudas para pemes

Publicado o 17/03/2020 21:16

Parece historia, pero Venecia hai un mes estaba ateigada de xente. Italia chegou aos 2.500 falecidos por COVID-19. Co país paralizado polo virus, o Goberno prohibe que durante dous meses as empresas poidan despedir os traballadores por razóns económicas.

Francia vive o primeiro día con medidas máis severas de illamento social. E outras para protexer a economía. O Goberno mobiliza 45.000 millóns para axudar empresas e traballadores e inxecta 300.000 millóns de liquidez para préstamos. Tamén apraza cargas fiscais e cotizacións sociais, e o Estado suspende ás pemes o pagamento de recibos de luz, auga e gas. Nalgúns casos tamén o do alugueiro.

Alemaña, que xa supera os 6.000 contaxiados de coronavirus, ofrece créditoa ilimitados ás empresas afectadas. Angela Merkel pediu que se manteña o libre movemento de mercadorías dentro da UE para non agravar o impacto económico da epidemia. Fíxoo na reunión por videoconferencia dos líderes dos 27, que aprobaron a proposta da Comisión de pechar as fronteiras exteriores comunitarias durante 30 días.

E no Reino Unido, Boris Jonhson segue apostando por unha resposta gradual ante a crise sanitaria. Amplía a 12 semanas o período recomendado de illamento de anciáns. Aos que teñan síntomas pídelles quedar 14 días na casa, ou sete se viven sos, a pesar de que o período de contaxio é maior segundo os científicos.

A maioría dos países europeos adoptan medidas para evitar a propagación do virus. Grecia suspendeu as visitas nos campos de refuxiados. Segundo a OMS, os migrantes son, xunto con anciáns e inmunodeprimidos, as persoas con máis risco de non superar a infección.

 

Noticias web

17/03/2020