CRTVG

Buscar

Italia porá multas de ata 3.000 euros a quen incumpra o confinamento

Publicado o 24/03/2020 19:43

O Executivo italiano aprobou hoxe poñer multas de entre 400 e 3.000 euros para quen incumpra as medidas de illamento para frear a propagación do coronavirus, que xa causou 6.820 falecidos no país, segundo o último balance oficial.

Así o explicou o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, nunha conferencia de prensa televisada pola canle oficial da Xefatura do Goberno e as redes sociais, e en que os xornalistas puideron facer as preguntas de forma telemática.

Conte explicou que o decreto aprobado hoxe polo Executivo endurece aínda máis as sancións xa previstas anteriormente, co obxectivo de derrotar o virus e poñer fin a esta situación de emerxencia.

Ata o de agora, quen circulase sen motivo xustificado, é dicir, por razóns de traballo ou de saúde, podíanse enfrontar ao pago de 206 euros e tres meses de prisión. A partir de agora, as multas poden ser de entre 400 e 3.000 euros, e as sancións poderán incrementarse ata un terzo máis para aqueles que incumpran a normativa e se movan nun vehículo.

Conte tamén quixo referirse ás informacións que durante este martes avanzaron que Italia ampliaría as medidas de confinamento ata o 31 de xullo para negar rotundamente que sexan verdadeiras.

"Creouse un debate sobre se a emerxencia se prorrogaría ao 31 de xullo. Non é verdade, absolutamente non", subliñou, á vez que dixo que o Executivo confía en que o virus sexa controlado moito antes e poder ir levantando de forma progresiva as políticas estritas impostas.

O documento pon orde entre os diferentes decretos rexionais e os gobernamentais, xa que a pasada fin de semana administracións como a da Lombardía dispuxeran multas de ata 5.000 euros. Segundo o Ministerio do Interior, só na fin de semana impuxéronse 10.000 multas ás persoas que violaron o confinamento nas súas casas.

Así mesmo, tamén hoxe chegou a autorización oficial da Autoridade Nacional de Aviación Civil (ENAC) para utilizar drons como excepción para vixiar os movementos dos cidadáns especialmente no sur.

O Ministerio do Interior emitiu unha nova autocertificación para poder moverse dunha provincia coa xustificación de saúde ou traballo xa que foi prohibido.

Balance da situación nas últimas horas

Segundo os datos proporcionados por Protección Civil, o coronavirus en Italia causou 6.820 falecidos, 743 máis nas últimas 24 horas, e 54.030 persoas están contaxiadas actualmente, unha cifra que supón un incremento de 3.612 persoas, pero que reflicte un descenso na tendencia por terceiro día consecutivo.

A China volve rexitrar contaxios locais

Marchan os sanitarios de Hubei. Porque a provincia chinesa foco da pandemia levanta este mércores o bloqueo da corentena. Na capital, Wuhan, atrásase ata o 8 de abril, cando se cumprirán case dous meses e medio de confinamento. A China volveu rexistrar contaxios locais, só catro; e duplícanse os importados.

Pero de Asia tamén chegan malas noticias. A propagación da pandemia obrigou A India a decretar o confinamento dos seus 1.300 millóns de habitantes.

Europa endurece as medidas


Francia continúa enviando doentes graves a terceiros países ante a imposibilidade de prestarlles apoio respiratorio nos hospitais das rexións máis afectadas.

Van en aumento os casos en Alemaña e no Reino Unido, onde finalmente Boris Jonhson cedeu e decretou o confinamento da poboación.


A imaxe das grandes urbes do mundo occidental baleiras espállase canda o virus. Rúas desertas desde Londres ata Os Ánxeles. Nova York é o epicentro da pandemia nos Estados Unidos, o terceiro país con máis casos do mundo, e onde xa están sometidos a diferentes niveis de confinamento un de cada tres habitantes.