CRTVG

Buscar

Italia clausura teatros e cinemas un mes e pecha bares e restaurantes ás 18:00

Publicado o 25/10/2020 21:35

No resto de Europa a situación non mellora. Por primeira vez desde que comezou a pandemia Italia superou os 20.000 casos en 24 horas. Os contaxios seguen aumentando, igual que o número de falecidos. Italia rexistrou nas últimas 24 horas 128 mortos.

Con esta situación, o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, decidiu tomar medidas máis restritivas. Este domingo asinou un novo decreto para impoñer un horario limitado de bares e restaurantes, que terán que pechar ás seis da tarde... E ademais pechan totalmente piscinas, ximnasios, balnearios, teatros, cinemas, e salas de concerto. "Unha decisión moi difícil", dixo Conte.

Este novo decreto ten validez ata o 24 de novembro. Polo momento, evitouse o toque de recollida nacional, que xa existe en varias rexións (coma a do Lacio, cuxa capital é Roma, Campania, Sicilia, Calabria e Lombardía). 

Os italianos amósanse divididos ante as novas restricións. Algúns destacan o dano económico que sufrirán os locais afectados. Outros din: "É mellor isto que un novo peche total outros dous meses".

O Reino Unido anda tamén nos 20.000 contaxios diarios. Francia, que mantén o toque de recollida en parte do país, marcaba esta fin de semana un novo récord histórico, con máis de 45.000 contaxios en 24 horas.

Noticias web

25/10/2020