Italia pecha os colexios e as universidades ata o 15 de marzo
• A Serie A xogarase a porta pechada deica o 3 de abril
Os estudantes italianos terán vacacións forzosas desde este xoves ata o 15 de marzo. O Goberno amplía a todo o país o peche de escolas e universidades que xa rexía nas zonas de risco do norte.
A corentena da chamada zona vermella do coronavirus non freou a expansión da epidemia. Italia xa é o segundo país do mundo con máis mortos despois da China e o terceiro en contaxios, 107 vítimas e máis de 3.000 positivos por coronavirus.
"Estamos concentrados en adoptar todas as medidas para conseguir a contención directa do virus ou o retardo da súa propagación", aseguraba Giuseppe Conte, primeiro ministro de Italia.
Italia é tamén o principal foco europeo de contaxio. A India duplicou o número de infectados ao daren positivo 16 turistas italianos dun grupo que visitaba Xaipur. E a economía reséntese. Só o sector turístico italiano perderá o próximo trimestre 32 millóns de visitantes e 7.400 millóns de euros.
Coma España, Alemaña e Francia rozan os 200 afectados. Os gobernos dos dous países tomaron medidas para impedir a especulación de prezos e o desabastecemento de material sanitario. O alemán prohibiu as exportacións. O francés requisou as existencias de máscaras a fin de reservalas para doentes e sanitarios.