CRTVG

Buscar

Italia mobilizará ata 350.000 millóns de euros para axudar as familias e as empresas

Publicado o 17/03/2020 11:37

Permisos parentais, axudas a autónomos, novas contratacións de persoal sanitario, moratorias fiscais e gastos deducibles por doazóns son algunhas das medidas que o Goberno de Italia puxo en marcha para mitigar o impacto económico do coronavirus.

Italia é o país máis afectado de Europa polo COVID-19, que xa provocou máis de 2.000 falecidos e 28.000 contaxios totais desde a detección do andazo a finais de febreiro. Para paliar os seus efectos económicos e sociais, o Executivo de Roma aprobou o luns un decreto lei con axudas de ata 25.000 millóns de euros a familias e empresas, pero que mobilizará recursos de ata 350.000 millóns.

Entre as medidas comunicadas polo goberno italiano están destinar 1.650 millóns a reforzar o Fondo Nacional de Emerxencia e 150 millóns de euros para pagar as horas extra dos traballadores sanitarios. Prevense 20.000 contratacións xa aprobadas para o Sistema Nacional de Saúde e financiarase con 340 millóns a adquisición de novas camas para as unidades de coidados intensivos e os departamentos de pneumoloxía e enfermidades infecciosas de centros hospitalarios. O servizo militar de saúde poderá aumentar o persoal médico e de enfermería durante un ano; e o Instituto Nacional de Seguros contra Accidentes de Traballo poderá contratar provisionalmente 200 médicos especialistas e 100 enfermeiras, cunha de 64 millóns.

Tamén haberá apoio aos traballadores e ás empresas, como o pagamento dunha retribución mensual exenta de impostos de 600 euros a autónomos que perdesen o seu traballo como consecuencia da emerxencia, unha compensación destinada a un colectivo de case 5 millóns de persoas.

Polos inconvenientes que sofren os pais tras o peche de colexios e escolas, o Goberno prevé permisos parentais de ata 15 días, co 50 por cento do salario no caso de que se teñan ao coidado nenos de menos de 15 anos ou con discapacidades graves. Alternativamente, ofrecerase unha prestación de 600 euros para a contratación de persoas para coidar os fillos, monto que pode chegar ata 1.000 euros no caso do persoal do Servizo Nacional de Saúde e as forzas da orde.

Recoñecerase unha indemnización, que non se detalla de canto, ás compañías aéreas que desenvolvan un servizo público polos danos sufridos como consecuencia das masivas cancelacións, como Alitalia -que se atopa en administración concursal desde maio de 2017-. Facilitarase ás empresas que teñen dereito a beneficiarse dos fondos da Política Agrícola Común que poidan aumentar do 50 ao 70 por cento a porcentaxe de anticipos que reciben e establecerase un fondo no Ministerio de Políticas Agrícolas, Alimentarias e Forestais que garantirá a continuidade dos negocios das empresas agrícolas, pesqueiras e acuícolas.

As pequenas e medianas empresas gozarán dunha moratoria nos seus pagamentos de hipotecas e outros préstamos con vencemento a curto prazo; e incentivarase a venda de préstamos deteriorados ( NPL) por parte dos bancos mediante a conversión de activos por impostos diferidos en créditos fiscais para empresas financeiras e industriais, para facilitar o acceso ao crédito. Os sectores máis afectados non terán que facer fronte ás súas obrigacións fiscais e ofrecerase a desgravación a empresas que doen sumas de diñeiro para combater esta pandemia.

O primeiro ministro, Giuseppe Conte, dixo que este é "un decreto poderoso, decidido en cifras e accións", pero admitiu que "non bastará" por si só, senón que o país terá que aprobar novas axudas proximamente.