CRTVG

Buscar

Italia conquista Wembley e frustra a Inglaterra

Publicado o 12/07/2021 10:39

Parecía que este era o ano do fútbol inglés, pero Italia coouse na súa festa, na festa de Wembley, para gañar a Eurocopa por penaltis. Por penaltis deixou sen final a España e sen título os ingleses.

Decisiva a actuación de Donnaruma, que detivo dous máximos castigos na tanda. Sterling mandou o seu tiro ao ferro. O partido rematara con empate a un tras adiantarse Inglaterra e empatar Bonucci tras o descanso. Non houbo máis goles e nos penaltis estivo mais acertado o conxunto italiano.

É a segunda vez que Italia conquista a Eurocopa. Italia frustrou a Inglaterra. Italia sorprendeu nesta Eurocopa. Outra maneira de xogar, outro fútbol, menos defensiva e máis ofensiva. 

De nada valeu aos ingleses salva á raíña nin poñerse por diante nun regalo incomprensible e impropio dunha Italia que colapsou nun minuto e medio fatídico ao arrincar o partido. Balón na dereita para Trippier, centro do carrileiro do Atlético de Madrid e remate de Luke Shaw así como chega ao pau curto. Devastada e ferida, a Italia quedáballe a épica como recurso.

ROBERTO MANCINI: "Estiveron bravísimos, fixeron unha Eurocopa extraordinaria e forxamos ese espírito nos últimos 50 días"

Inglaterra foi parte do problema e tamén da solución para a Azzurra. Cedeu a pelota para buscar o recurso do contragolpe e Chiesa avisa nunha pelota que non solta nin por misericordia e roza o poste por fóra. 

O partido marcha ao descanso con vantaxe e na volta Italia medra dúas tallas. Bonucci sobe ao remate nun córner que levanta Berardi e malla o coiro na rede. Primeiro peitea Cristante e Verrati dá a cacholada ao poste creando os restos dos que se alimenta Bonucci.

LEONARDO BONUCCI: "Esta copa é a demostración de que cando vés do fondo só necesitas é un empurrón para volver ao máis alto"

Quedaba Italia a un gol da vitoria, como Inglaterra, pero con máis fe e máis recursos. Seguiu o empate na prórroga e abocan os penaltis.

Berardi marca o primeiro para Italia e Harry Kane non se deixa cazar por Donnaruma que vai ao sitio. Belotti estraga parando Pickford e tensando a corda da final. Maguire rebenta o coiro para evitar sustos. Bonucci axusta evitando por piniscos a estarricada acaída do porteiro inglés. Rashford vai á súa quenda e bate o redondo no poste devolvendo á igualada. Bernardeschi atina no seu lanzamento e Donnaruma adiviña a traxectoria que quería Sancho. Italia por diante con Jorginho aos once metros e parada de Pickford. Alguén daba máis? Si, por suposto. Gianluigi Donnaruma, quen caza o lanzamento de Saka e proclama a Italia campioa 53 anos despois.  

Noticias web

12/07/2021