Italia bloquea a exportación de 250.000 doses da vacina de AstraZeneca a Australia
• A decisión responde aos problemas de subministración da farmacéutica dentro da UE
O Goberno italiano explicou hoxe que bloqueou, de conformidade coa Comisión Europea (CE), o envío a Australia de 250.000 doses da vacina de AstraZeneca tras considerar "a escaseza de vacinas na Unión Europea e Italia, e os atrasos nas subministracións" por parte da farmacéutica.
Así o expresou o Ministerio de Asuntos Exteriores de Italia nun comunicado, en que indicou que esta é unha das tres razóns que xustifican a súa decisión. As outras dúas son "o feito de que o país receptor (Australia) se define 'non vulnerable'" e "o elevado número de doses de vacinas suxeitas á solicitude de autorización de exportación" por parte de AstraZeneca "en comparación coa cantidade de doses fornecidas a Italia e, en xeral, aos países da UE ata o de agora".
Italia converteuse así no primeiro país da Unión Europea (UE) en tomar unha decisión deste tipo, desde que Bruxelas aprobou o mecanismo sobre o control das exportacións dos fármacos producidos en territorio comunitario. A medida obriga as farmacéuticas a avisar con antelación as autoridades nacionais sobre cantas doses fabricadas no seu territorio queren exportar a terceiros países e os países deben decidir en 48 horas se permiten ou non a venda, aínda que deben consultar previamente á Comisión Europea.
O ministerio italiano explicou que o pasado 24 de febreiro recibiu a solicitude da farmacéutica de exportar vacinas contra a covid-19 e que nos casos anteriores sempre deu o permiso, de acordo coa Comisión, "xa que se trataba de pequenas cantidades de mostras destinadas á investigación científica". Pero esta vez a farmacéutica pedía exportar 250.700 doses da vacina, unha suma que o ministerio italiano e o resto de administracións italianas competentes viron excesiva.
O 26 de febreiro Italia enviou á Comisión a proposta de non autorización, xa que o Executivo comunitario ten a última palabra, e como este non se opuxo, Italia notificou formalmente a decisión a AstraZeneca o pasado o 2 de marzo.
A UE revisa a vacina rusa
A Axencia Europea do Medicamento comeza a revisar a vacina rusa contra a Covid malia que non existe un contrato de compra entre Bruxelas e os seus fabricantes. A EMA estudará as probas de laboratorio e clínicas antes de autorizar a Sputnik V. Pero xa recoñece que segundo os estudos a vacina rusa xera anticorpos contra o virus da Covid-19. Se a avala, cada Estado da UE poderá mercala por libre. Xa que a Comisión non selou ningún contrato cos fabricantes e por agora tampouco a inclúe na súa estratexia de vacinación.