CRTVG

Buscar

Supérase o millón de casos de COVID-19 no mundo, con preto de 53.000 mortos

Publicado o 03/04/2020 01:31

Os casos de COVID-19 rexistrados en todo o mundo son xa máis de 1.011.000 e o número de falecidos achégase aos 53.000, segundo os datos da prestixiosa universidade estadounidense Johns Hopkins, que fai un seguimento da pandemia desde que se detectou o primeiro positivo na cidade chinesa de Wuhan.

EUA é o país onde a pandemia está avanzando a un maior ritmo, con máis de 240.000 afectados, polos 115.000 que contabilizan en Italia. Ségueos España, que superou os 110.000, mentres A China mantén a cifra na contorna de 83.000 desde hai un par de semanas; esta situación podería cambiar cando se comecen a coñecer os resultados dos tests a persoas asintomáticas.

O país transalpino suma case 14.000 falecidos desde o inicio da pandemia, pero a cifra diaria de mortes volveu baixar con respecto ao día anterior; tamén a de novos contaxios. A curva acháiase e nos hospitais están empezando a tratar os enfermos con plasma dos que superaron a infección.

Alemaña rexistrou máis de 6.000 contaxios nun só día, e o ritmo de propagación do coronavirus está poñendo a proba un sistema sanitario que, a día de hoxe, aínda acolle pacientes de países limitrofes. Francia ten case 5.400 mortes, ao sumar 884 falecidos en residencias de maiores. O dato deuse este xoves por primeira vez.

En Rusia, o presidente Vladimir Putin declarou non laborables todos os días deste mes de abril. Na práctica, isto signfica dar vacacións con soldo a todos os traballadores do país. Moito máis expeditivas son as medidas para garantir o confinamento dos filipinos: o presidente, Rodrigo Duterte, deu orde de disparar a matar a quen saia da casa sen autorización.

Nova York achégase aos 2.400 mortos

Os Estados Unidos están impactados pola pandemia e polas súas consecuencias económicas, con dez millóns de desempregados en dúas semanas. O estado de Nova York está preto dos 2.400 falecidos e por riba dos 92.000 contaxiados e busca opcións para paliar a escaseza de respiradores, que, ao ritmo actual de ingresados, poderían esgotarse no próximos seis días, segundo advertíu o seu gobernador. Andrew Cuomo detallou que o maior número de contaxiados do estado segue estando na cidade neoiorquina, con 51.809 casos, 4.370 máis que o día anterior.

Unha das imaxes impactantes da xornada foi a dunha chilena ás carreiras por un mercado da capital: fuxíu do hospital cando lle confirmaron que estaba infectada, e foron necesarios cinco axentes para retela. A súa irresponsable actitude obrigou a pechar e desinfectar o mercado onde se produciu a persecución.

Noticias web

03/04/2020