CRTVG

Buscar

Israel e Hamás intensifican os ataques nunha ofensiva que deixa máis de 50 mortos

Publicado o 12/05/2021 20:54

Por terceiro día consecutivo, as bombas do exército israelí golpean Gaza e alcanzaron o corazón dun dos enclaves máis densamente poboados do planeta. Xa van máis de 500 bombardeos desde que o luns comezaran os enfrontamentos.

As bombas apuntan a instalacións e dirixentes das milicias de Hamas: este mércores morreu un dos principais comandantes das Brigadas Al Kasam. Van 48 vítimas palestinas, delas 14 menores. Israel responde os ataques dende Gaza. Hamas lanzou case un milleiro de foguetes e dous mísiles sobre Israel: a maioría foron repelidos polos sistemas de autodefensa, pero máis dun cento de proxectís alcanzaron zonas poboadas de Tel Aviv e outras cidades xudías. O bando israelí suma 6 mortos, incluída unha adolescente.

A espiral de violencia non ten trazas de cesar: os dirixentes de Hamas din que van atacar novos obxectivos e o primeiro ministro en funcións israelí mantén o pulso: "Isto é só o comezo, imos dar golpes cos que non poden nin soñar", ameazaba Benjamin Netanyahu.

A Unión Europea esixiu o cesamento da violencia para evitar un conflito máis amplo. A Casa Branca limitouse a pedirlle a Israel que faga o posible por evitar vítimas civís. O presidente Joe Biden enviou un diplomático á rexión para mediar entre as partes. Había 7 anos que oconflito palestino israelí non acadaba tales cotas de violencia.
 

Noticias web

12/05/2021