CRTVG

Buscar

Israel asina con Emiratos e Barein os Acordos de Abraham na Casa Branca

Publicado o 15/09/2020 21:56
Israel asina con Emiratos e Barein os Acordos de Abraham na Casa Branca

 Israel asinou este martes cos Emiratos Árabes Unidos ( EAU) e con Barein senllos acordos para establecer relacións diplomáticas con eses países árabes, nunha histórica cerimonia na Casa Branca xunto ao presidente estadounidense, Donald Trump. Na firma dos chamados Acordos de Abraham participou o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, o ministro de Exteriores de EAU, Abdulá bin Zayed al Nahyan, e o titular de Exteriores de Barhein, Abdulatif bin Rashid al Zayani.

Trump tamén rubricou os pactos en calidade de mediador, e presumiu de que os pactos marcan a primeira vez en 26 anos que Israel asina un acordo diplomático cun país árabe, despois de prognosticar que pronto haberá pactos entre o Goberno israelí e polo menos "cinco países" máis. "Estamos aquí esta tarde para cambiar o rumbo da historia. Tras décadas de división e conflito, marcamos o amencer dun novo Oriente Medio", dixo Trump durante a cerimonia de firma.

Os pactos formalizan a decisión de Israel e Emiratos de establecer relacións diplomáticas, anunciada o pasado 13 de agosto, e normalizan tamén os lazos entre o Goberno israelí e Barein, que revelaron o seu acordo o pasado venres. Emiratos e Barein convértense así no terceiro e cuarto país árabe, respectivamente, que establece relacións diplomáticas con Israel, despois de Exipto (1979) e Xordania (1994).

Netanyahu augurou antes da firma que a "paz" con eses dous emiratos do Golfo Pérsico "eventualmente expandirase para incluír a outros Estados árabes e ao final acabar co conflito árabe-israelí dunha vez por todas". O ministro de Exteriores de Emiratos Árabes Unidos, referiuse tamén ao conflito entre Israel e os palestinos, que durante décadas enfrontou ao Goberno israelí cos seus veciños árabes. "Este acordo permitiranos seguir defendendo o pobo palestino e facer realidade a súa esperanza dun Estado independente dentro dunha rexión estable e próspera", asegurou o ministro emiratí.

O diplomático deu as grazas a Netanyahu por "deter a anexión dos territorios palestinos" en virtude do acordo, a pesar de que o primeiro ministro israelí asegurou que a anexión de parte de Cisxordania ocupada segue "sobre a mesa". Pola súa banda, o ministro de Exteriores de Barein opinou que os Acordos de Abraham son "un paso histórico no camiño cara a unha paz xenuína e duradeira" en Oriente Medio. 

Noticias web

15/09/2020