CRTVG

Buscar

Isabel Zendal, a enfermeira galega que participou na primeira expedición de vacinación universal

Publicado o 01/12/2020 15:24

A investigación histórica, a creación literaria e, finalmente o audiovisual foron axudando a perfilar a descoñecida figura de Isabel Zendal. Sábese que naceu no lugar da Agrela, no concello de Ordes arredor do ano 1773. De moza foi traballar de criada na Coruña e ao cabo duns anos fíxose cargo do coidado do hospicio do Hospital da Caridade.

Foi este labor o que a levou a ser a única muller que embarcou, como un enfermeiro máis, na Real Expedición Filantrópica da Vacina promovida pola coroa española para levar o remedio da varíola ás colonias américanas e ás illas Filipinas.

"Os nenos eran clave na Expedición; sen nenos non hai vacina e a única man experta en traballar cos nenos era Isabel", conta Antonio López, Autor de Isabel Zendal nos arquivos de Galicia.

Os nenos eran 22 expósitos de entre 3 e 9 anos escollidos nos hospicios de Madrid, Santiago e A Coruña para levar a vacina en vivo, grazas a un contaxio controlado. Entre eles estaba o propio fillo de Isabel Zendal. A campaña concibida polo doutor Balmis partía o 8 de novembro de 1803 da Coruña a bordo da corveta María Pita e 2 meses despois chegaba a Porto Rico, e continuaría diseminando a vacina polo mundo hispano durante case unha década.

O cabo deste tempo Isabel queda a vivir en México co seu fillo, pero descoñécese o lugar e o ano da súa morte. Foi no país americano onde antes se empezou a reivindicar a figura de Isabel Zendal para colocala no lugar que lle corresponde pola súa contribución á primeira campaña de vacinación universal.

 

Noticias web

01/12/2020