CRTVG

Buscar

Isabel Díaz Ayuso toma posesión como presidenta madrileña arroupada pola executiva do PP e os baróns autonómicos

Publicado o 19/06/2021 14:50

A toma de posesión de Isabel Díaz Ayuso concitou non só o apoio dos principais referentes do PP, con protagonismo individualizado para Pablo Casado, senón tamén o dos baróns autonómicos. Arroupárona todos os presidentes de comunidades gobernadas polo PP: ademais do de Galicia, Núñez Feijoo, os de Andalucía, Castela e León e Murcia.

Ayuso accede ao cargo cunha presenza do PP moi reforzada na Asemblea autonómica e comprometeuse a non fallar ao apoio recibido nas urnas desde distintas vertentes ideolóxicas: "O ter o respaldo maioritario de cidadáns de esquerda, dereita, de calquera idade ou condición e en todo o territorio madrileño non só nos enche de orgullo, senón tamén de compromiso. O compromiso non só de non defraudar, senón o de deixar unha comunidade de Madrid mellor".

Ayuso foi protagonista da semana política por unhas declaracións nas que aludiu ao Rei e aos indultos do procès, e hoxe quixo superar a polémica: "Madrid, que lle debe a súa historia a ter sido Corte, pois Madrid, España e monarquía son inseparables, hoxe felicita o Rei de todos e para todos no sétimo aniversario da súa proclamación".

A presidenta madrileña dixo que van repetir no seu executivo os seis conselleiros do PP da etapa compartida con Ciudadanos, porque traballaron durante "15 horas ao día para afrontar a pandemia". A eles engadiranse, nun executivo reducido, dous políticos do PP, Concepción Dancausa e Carlos Izquierdo, e a luguesa Marta Rivera de la Cruz, que xa estaba no goberno anterior de Ayuso representando a Ciudadanos.

Noticias web

19/06/2021