Isabel Díaz Ayuso na convención de Valencia: "Pablo, o meu sitio é Madrid"
• Feijóo asegura que o PP é un partido leal e chama á unidade do centrodereita
• Dirixentes provinciais do PP queren ver a Casado na Moncloa "canto antes"

O choque entre a presidenta de Madrid e a dirección nacional do PP polo control do partido na capital de España tensionou a convención nacional que se clausura este domingo en Valencia.
Isabel Díaz Ayuso evitou desafiar o líder, Pablo Casado, e buscou resolver calquera elucubración cando lle dixo que ten claro que o seu sitio é Madrid.
"Quéroche dicir, Pablo, diante da xente que máis te quere, da túa muller, do partido, da túa familia, dos medios, de todo o mundo, que teño meridianamente claro onde está o meu sitio e sei que o meu sitio é Madrid e que darei o mellor para Madrid porque Madrid é España e porque necesitamos que ti chegues a ser o presidente do Goberno", asegurou.