CRTVG

Buscar

Irlanda apresa outro pesqueiro galego, o segundo nunha semana

Publicado o 28/08/2021 14:37

Este venres, contra as seis da tarde atracaba no porto de Castletownbere en Irlanda o pesqueiro galego "Valle Fraga" con base no peirao de Burela e un dos veteranos nos caladoiros do Gran Sol. Non ía a descargar as súas capturas nin aprovisionarse como fan moitos dos barcos españois que faenan nesa zona.

Acataba a orde da Armada de Irlanda, que o apreixaba horas antes, en mar aberto, dentro das 200 millas da zona económica exclusiva dese país.
Ao "Valle Fraga" detivérono tras racharlle unha escaleira cando comezaba a inspección por "supostas infraccións das normas de pesca". O pesqueiro e 32 metros de eslora foi detido cando comeza a marea porque partiu de Burela o día 23.

É o segundo pesqueiro galego apreixado por Irlanda na ultima semana, e o terceiro nos últimos tres meses. O barco leva a a bordo quince tripulantes. Foi capturado polo mesmo patrulleiro que actuou contra o "Punta Vixía" o pasado día 21 que aínda que tiña bandeira de Francia é un arrastreiro propiedade dos armadores de Vigo. Retido no mesmo porto saíu o día 24 despois de pagar 105.000 euros de fianza, tras acusalo dun suposto delito de pesca ilegal dentro das súas augas territoriais, doce millas.

O mesmo que se lle imputa ao "Punta Candieira", un palangreiro de fondo que opera en celeiro. O barco galego quedou libre despois de permanecer 14 días retido e de pagar unha fianza de 170.000 euros.

Os cargos contra o "Valle Fraga" concretaranse cando o seu patrón sexa citado pola xustiza irlandesa, nunha comparecencia na que se fixará o aval que debe depositar para saír e poder traballar.

A flota española do Gran Sol detecta o que cualifica " de "exceso de celo" por parte de Irlanda, especialmente con barcos abandeirados doutros países comunitarios.