Irene Montero repróchalle ao PSOE que non informase a Unidas Podemos da saída do rei

A ministra de Igualdade, Irene Montero, asegurou que en Unidas Podemos non se sabía que se ía anunciar a saída do rei Xoán Carlos de España porque non é unha decisión do Goberno de coalición, aínda que respecta as que "poida adoptar o PSOE desde Moncloa".
En declaracións na Cadena Ser, Montero cre que a decisión do rei emérito de abandonar España "deixa a monarquía nunha posición moi comprometida e delicada" porque é un decisión que afecta unha institución como a Xefatura do Estado.
"O feito de que a propia institución avale a decisión do rei emérito de fuxir de España pon á monarquía nunha situación moi delicada fronte aos ollos da maioría dos españois, que hoxe se preguntan para que serve esa decisión se realmente axuda a alguén máis ca a propia familia" e "sobre todo, para que serve a propia monarquía", aseverou.
Para Montero, "a fuxida de don Xoán Carlos é unha actitude indigna vindo dun xefe de Estado", porque "se está investigado por supostos delitos de corrupción", desde esa posición tan importante "debería render contas ante o seu pobo e ante a xustiza".
A ministra cre que "hai unha sensación amplamente estendida entre a poboación maioritaria de que a xustiza non é igual para todos e que, desgraciadamente, determinadas persoas con moito poder conseguiron cousas que cidadáns do montón non poderían conseguir e evitar a acción da xustiza".
Ao seu xuízo, son necesarios "cambios profundos" no conxunto das institucións que permitan combater a corrupción e que as "institucións sexan exemplares e limpas". Para Montero, "ninguén en España pode separar as decisións do rei Xoán Carlos da súa posición como monarca e da familia Borbón porque a Constitución explica que é unha institución que se herda".
Respecto a se o Goberno socialista actuou con deslealdade co seu socio de Podemos, Montero dixo que o falarán no seo do Executivo e desexa que non debilitase a coalición de Goberno.
"Hai que naturalizar e normalizar que nalgunhas cuestións centrais como poden ser os dereitos sociais ou esta visión sobre o rei emérito, imos ter posicións diferentes, pero se se trata con lealdade e se canaliza de forma democrática", poden seguir convivindo no Executivo "sensibilidades diferentes".
España no admite más corrupción ni más impunidad. La indigna huida de Juan Carlos de Borbón pone a la monarquía en una situación muy delicada.
He hablado de ello en @HoyPorHoy