CRTVG

Buscar

Irán detén un petroleiro de bandeira surcoreana no golfo Pérsico

Publicado o 04/01/2021 14:00
Irán detén un petroleiro de bandeira surcoreana no golfo Pérsico

A Forza Marítima da Garda Revolucionaria iraniana apoderouse este luns dun petroleiro de bandeira surcoreana no golfo Pérsico, escenario doutros incidentes de seguridade e de tensións nos últimos dous anos.

O petroleiro foi incautado por provocar "contaminación ambiental e química" e levado ao porto iraniano de Bandar Abás, segundo informou a Garda Revolucionaria na súa páxina oficial.

O MT Hankuk Chemi transportaba 7.200 toneladas de produtos químicos e petroleiros e os seus tripulantes, dos que non transcendeu o seu número, son orixinarios de países como Corea do Sur, Indonesia, Vietnam e Myanmar.

Segundo a nota, o barco partiu do porto de Al Yubail en Arabia Saudita e foi detido no golfo Pérsico e trasladado a Bandar Abás, onde se abrirá un proceso xudicial.

A incautación do cargueiro realizouse a solicitude da Oficina de Portos e Navieiras e por orde da Fiscalía Provincial de Hormozgan, cuxa capital é Bandar Abás, indicou a Garda Revolucionaria.

Medra a tensión

O golfo Pérsico foi escenario de numerosos incidentes desde maio de 2019, incluídos ataques a petroleiros e cargueiros, entre as crecentes tensións entre Irán e Estados Unidos polas sancións impostas por este último á venda de petróleo iraniano.

En xullo de 2019, a Garda Revolucionaria apresou o barco de bandeira británica Stena Impero, con 23 tripulantes a bordo, en resposta á detención dun dos seus petroleiros en Xibraltar. Ambos foron liberados meses despois.

O Goberno iraniano aínda non comentou o incidente co barco de Corea do Sur, país co que está en negociacións para que devolva 7.000 millóns de dólares bloqueados nos seus bancos debido ás sancións dos EUA.