CRTVG

Buscar

Irán di que os Estados Unidos pagarán durante anos pola morte do xeneral Soleimaní

Publicado o 04/01/2020 19:49

O presidente de Irán subliñou que os Estados Unidos son hoxe moito máis odiados ca antes entre a poboación iraniana e iraquí e que van pagar durante anos polo ataque no que mataron o seu brazo dereito en política exterior, Qasem Soleimaní.

O presidente prometeulle á familia do xeneral que o seu sangue será vingado.

O ministro de Exteriores apuntou que a resposta chegará ao seu debido tempo e que será á medida dos Estados Unidos.

Trump quixo tranquilizar os seus aliados. Asegurou que Soleimaní preparaba ataques inminentes contra diplomáticos e militares estadounidenses e que mandou matalo para parar unha guerra, non para iniciala.

Os expertos consideran que Irán non ten interese nin está en condicións para meterse nunha guerra, e que tampouco a queren os outros países da rexión nin os Estados Unidos.
Pensan, iso si, que as represalias polo ataque estadounidense poden vir no só de Irán senón tamén dos seus aliados árabes xiítas e incluír entre os obxectivos amigos de Washington na rexión, como Arabia Saudita e Israel.

A OTAN decidiu suspender temporalmente o adestramento do exército e das forzas de seguridade iraquís e España recomenda non viaxar a Iraq e pospoñer as visitas a Irán.
 

Noticias web

04/01/2020