CRTVG

Buscar

Irán trata de vingar o asasinato de Suleimani co ataque a dúas bases en Iraq en que hai tropas dos EUA

Publicado o 08/01/2020 10:00

Base aérea de Ain al Asad antes de ser atacada

Aumenta a tensión en Opriente Medio. Tras o asasinato do xeneral Suleimani, o militar iraniano máis importante, esta madrugada Irán bombardeou dúas bases estadounidenses en Iraq. Arestora agárdase a declaración sobre este ataque de Donald Trump, que anunciou que faría esta mesma mañá.

A feroz vinganza comezou, é a mensaxe das Forzas Armadas iranianas, lanzada dende a televisión estatal, que divulgou estas imaxes da que denominan operación Mártir Soleimani.

Confirmado o ataque a dúas bases estadounideses en Iraq, a de Al-Assad, ao noroeste de Bagdad, e a de Irbil, preto da fronteira iraniana, o Pentágono emitiu un comunicado en que asegura que se lanzaron unha ducia de mísiles esta madrugada, e di que ten claro que veñen de Irán.

Vía Twitter, o presidente norteamericano, Donald Trump, dixo que se están a avaliar os danos.

O ministro de Exteriores iraniano, Javad Zarif, tamén nas redes, aseverou que o seu país tomou medidas proporcionadas, en defensa propia, aplicando o artigo 51 da Carta das Nacións Unidas. Medidas, explicou, cuxo obxectivo é a base dende a que se lanzou un ataque armado contra os seus cidadáns e altos funcionarios. Responden así á morte o venres pasado do xeneral Soleimani, o militar máis importante de Irán, tras un bombardeo comandado polos Estados Unidos.

España mantén máis de 500 soldados en Iraq, e ordenou o martes a saída a Kuwait de dez militares, dos trece que traballan para a OTAN en Bagdad.