Ir ao traballo ou levar menores á escola, excepcións para compartir coche
Como norma xeral, nun vehículo particular só poderán viaxar persoas conviventes. Pero hai dúas excepcións: que sexan persoas coas que traballemos, "pero unicamente para desprazarnos ao traballo, non se poden facer outros desprazamentos polo feito de traballar xuntos", explica o garda civil Héctor Teixeira. "Tamén as persoas que levan ao colexio os seus fillos e os doutra familia poderían compartir" engade.
E para estes dous supostos, tamén hai normas. Non se pode comer, beber, nin fumar durante o traxecto, porque hai que levar a máscara posta en todo momento. E hai que deixar separación entre os pasaxeiros: só poden ir dous viaxeiros en cada liña de asentos.
A norma é clara, e incumprila pode supoñer multas importantes. "Será a autoridade sancionadora a que determine a contía da sanción, en función da gravidade que lle notifiquemos", afirma Teixeira, que di que as multas "comezan en 600 euros", e que son "sancións económicas importantes".
Hai entón poucas excepcións para compartir vehículo privado, e ningunha para compartir taxi: neles queda prohibido viaxar con persoas non conviventes.