CRTVG

Buscar

Yolanda Díaz: "O señor Sánchez leva moito tempo en campaña electoral"

Publicado o 18/09/2019 10:53

Ás portas do Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, valorou a situación política nun momento no que parece que con case toda seguridade imos unha convocatoria electoral: "Sinceramente, penso que o señor Sánchez leva moito tempo en campaña electoral", dixo Díaz.

"As persoas normais saben perfectamente o que pasou. As veces hai unha distancia tan grande entre os políticos e a vida das persoas que na Moncloa non son capaces de entender o que está pasando. O señor Sánchez non só fracasou, senón que ata o día de onte tivo a oportunidade de ter negociado un goberno que era o cometido e a sorte das urnas, e leva cinco meses sen falar con ninguén", dixo a voceria de En Común Unidas Podemos.

Yolanda Díaz centrou as súas críticas no presidente do Goberno en funcións de quen dixo que incluso "onte tivo a posibilidade de acordar un goberno co señor Rivera, que nós non compartiamos, pola vía da dereita. Tiña esa posibilidade. E tamén a de gobernar con nós. Pero teño a sensación de que non quería ningunha das dúas cousas".

"É unha irresponsabilidade levar o país a unhas eleccións", dixo Iolanda Díaz. "Temos asuntos gravísimos enriba da mesa, e prefire ter un goberno en funcións ata febreiro ou marzo para seguir en campaña electoral".

E de cara á próxima convocatoria electoral dixo: "Nós aínda non estamos en campaña, pero Galicia en Común vai concorrer ás eleccións e sacaremos o mellor de nós mesmas. Isto é o que quere o señor Sánchez, ir a eleccións, e nós imos saír a gañar".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí