CRTVG

Buscar

Iolanda Díaz: "Non me poño no escenario de eleccións. Non vexo outro horizonte máis que a negociación"

Publicado o 22/08/2019 10:33

Iolanda Díaz, deputada de En Común Unidas Podemos e integrante do equipo negociador nomeado para tratar de lograr un acordo co PSOE para a formación de Goberno, estivo este xove no plató do Bos Días onde dixo: "Estou convencida de que non pode haber outro escenario que a negociación. Senón é que claramente o señor Sánchez o que quere é unha repetición electoral. A xente votou e creo que non votou mal".

En canto á marcha das negociacións deixou clara a postura da súa formación: "Nós estivemos bastante calados durante o mes de agosto, traballando. Fixemos o que tiñamos que facer que foi unha proposta programática e unha proposta flexible para a conformación dun Executivo. Aquí deixamos o traballo, pedimos retomar o diálogo, e tamén presentamos un novo equipo negociador". Pero Díaz cre que por parte do PSOE non hai a mesma vontade: "Hai unha parte de ruído por parte do Partido Socialista que non axuda á negociación. O problema é que o PSOE ten 123 deputados e deputadas e quedou moi lonxe da maioría absoluta. É moi lexítimo que non queira negociar con nós, pero entón ten que buscar os apoios en Ciudadanos ou no Partido Popular, ou noutras forzas que faría inviable un goberno progresista".

A Iolanda Díaz parécelle sorprendente que o PSOE rexeitase a súa proposta ás poucas horas de presentala, sen tempo case de reflexionar sobre ela. "Apenas lles deu tempo a estudar as 111 páxinas das 119 que contiñan propostas das tarefas que ten que levar a cabo o país. Nós non sabemos, nin tampouco os sindicatos, se o PSOE quere derrogar a reforma laboral do PP, como defendía no seu día, e que é clave para poder actuar na precariedade que está aneganando a vida da xente, ou por exemplo se quere baixar o prezo da luz. E son temas claves, pero non somos capaces de saber que queren facer desde o Goberno", asegurou.

Desde a coalición que lidera Pablo Iglesias, insite Díaz, "o que estamos pedindo é retomar o diálogo. O que parece serio é, se queren amosar discrepancias, é nomear un equipo negociador e con discreción nos sentemos e falemos das propostas programáticas e logo da conformación dun Goberno. Creo que somos bastante transparentes. Pedimos retomar o diálogo, e a día de hoxe, o certo é que o señor Sánchez nin chamou nin parece que queira nomear un equipo negociador".

Esa actitude, dixo varias veces Iolanda Díaz durante a entrevista, é "irresponsable". "Creo que está asumindo un risco forte. Xa estivo tres meses antes da investidura fracasada sen negociar, no só con nós senón co resto dos partidos da Cámara. E é probable que queira esgotar os tempos, chegar tarde e facer imposible unha negociación; ou ben é que están forzando isto para repetir as eleccións. Creo que é unha gran irresponsabilidade repetir as eleccións".

Da vontade da súa formación por chegar a un acordo, Iolanda Díaz cre que a día de hoxe non pode haber dúbidas: "O día 6 de maio o señor Iglesias reuniuse en privado na Moncloa co señor Sánchez. Daquela Sánchez dixo si a un goberno de coalición, e ofreceu tres ministerios: Industria, Xuventude e Vivenda, algunhas cousas máis, pediu que renunciasemos a nosa posición sobre Cataluña, e despois foron mudando radicalmente as cousas. Despois renunciamos aos mal chamados ministerios de Estado, alixeiramos as propostas programáticas ao máximo para intentar chegar a un acordo, vetaron ao señor Iglesias que representa a catro millóns de persoas. Dícian que o problema para a coalición era o señor Pablo Iglesias. E agora pouco menos que deron un portazo sen ler a proposta. E creo que isto non é serio".

Para ela non o PSOE erra se pensa que repetindo as eleccións pode cambiar a situación: "España mudou e non vai volver para atrás. A xente quere diálogo e formacións políticas diferentes. Pódense repetir as eleccións, pero é probable que con iso lle entregue as chaves da Monchoa ás tres dereitas".

E en canto ao argumento da desconfianza do PSOE en Unidas Podemos para conformar un Goberno de coalición, di non entendelo: "Isto da desconfianza é un novo argumento. Eu fago unha pregunta: A xente cre que o PP, Ciudadanos ou Vox non teñen dicrepancias en Madrid? Si que as teñen, o que pasa é que en política o que se fai é asinar acordos con garantías de cumprimento". E negou que haxa unha mala relación entre Sánchez e Iglesias: "Creo que teñen unha boa relación persoal. É certo que Sánchez non quería ao seu carón a Iglesias, porque poida que súa presenza pode ser moi forte, pero a relación persoal deles é correcta".

Para Iolanda Díaz a actitude socialista ante a negociación é porque "semella que non somos un socio preferente. A un socio preferente non se lle trata así. E quero tamén sinalar que fixemos algo que é histórico que é pelexar dúas mocións de censura, e na segunda delas, atrévome a dicir que Sánchez saíu presidente grazas a nós. E foi a cambio de nada. E creo que é inxusto. Sánchez desexa un acordo con Ciudadanos, e parece que Rivera non está pola labor. Así que somos a alternativa que ten".

En calquera caso insistiu en non resignarse a asumir que o que vai pasar é que haxa eleccións en novembro: "Non me poño nese escenario. Non vexo outro horizonte máis que a negociación. Volvo repetir que me parece unha irresponsabilidade que Sánchez nos leve a eleccións", pero tampouco vai ser grazas a que fagan presidente a Pedro Sánchez a cambio de nada: "Nin Unidas Podemos regala votos gratis, nin o fai ninguén en política. Fíxemolo unha vez nunha moción de censura. Se o señor Sánchez nos leva a eleccións estaríamos ata xaneiro sen Goberno e hai urxencias neste país que non permiten esa frivolidade". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí