CRTVG

Buscar

Iolanda Díaz: "Como país demócrata debemos protexer un sector produtivo estratéxico como o de Alcoa"

Publicado o 05/12/2018 12:31

Na entrevista do 'Bos Días' falamos con Iolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso.

  • Sobre a situación de Alcoa

"Tamén pedimos nós a intervención do Goberno. Temos aprobadas declaracións de unanimidade en defensa de Alcoa e dos seus postos de traballo. O que toca é que movan peza dende o Goberno. O que quere facer Alcoa é quedar coa cota de mercado. A demanda que hai no mundo de aluminio é moi forte, non hai problema de mercado, pero quere colocar as nosas plantas noutro sitio".

"A ministra foi un pouco imprudente nas súas declaracións. Isto é o que fan os países normais, defender os seus sectores produtivos cando son extratéxicos". "As democracias modernas protexen e miman os seus sectores produtivos. Alcoa é estratéxica para Galicia pero tamén en termos de Estado e europeos".

  • Proxecto de presupostos

"Non son os que nos gustarían, pero si cremos que rachan coa fenda da austeridade. O que si está estudado é que as receitas do Goberno de Mariano Rajoy non só non serviron para saír antes dela, senón que agudizaron a crise".

"Penso que hai que aprobar os presupostos. Temos que mellorar. Hai sectores da economía ortodoxa que tamén din que con estes salarios non podemos seguir". "Os presupostos racharían coa fenda da austeridade, darían estabilidade e seguridade aos cidadáns".

"Sen ser o que nós queriamos, mellorarían a faciana deste país".

  • Sobre as eleccións xerais

"Creo que hai un problema no seo do Goberno. Onte decidiuse presentar os orzamentos en xaneiro. O que coñeciamos era que entrarían na Cámara despois da ponte da Constitución". "Veremos cal é a súa decisión sobre a convocatoria de eleccións". "Pero o que si temos é que ter presupostos e non podemos estar gobernados a golpe de real decreto".

"Se se consegue aprobar os orzamentos si é posible alongar este mandato. Se non, é moi difícil sostelo".

  • O futuro da AP-9

"Galicia está profundamente invertebrada. A única vía que vertebra Galicia de norte a sur é a AP-9 e probablemente é o peor exemplo de xestión". "En Marea defendeu con forza a transferencia desta vía para ser xestionada directamente dende a Xunta, con todos os reparos do PP".

"Afortunadamente, o próximo día 11 vai a debate este tema no Congreso". "Con todo, benvida sexa a actuación da fiscalía".

  • Sobre as eleccións en Andalucía

"Hai un tsunami en Andalucía que nos debe poñer en precaución. Hai que saber polo CIS que pasou realmente en Andalucía. Hai que coñecer ben como é o fenómeno Vox". "Hai unha forza antidemócrata que me preocupa que sexa saudada polas forzas fascistas no mundo". "Creo que temos que analizar con rigor e seriedade o que pasou en Andalucía".

  • As eleccións de En Marea

"Había unhas primarias convocadas para a semana pasada e de forma sorprendente a comisión de Garantías enviou un correo tomando a decisión de paralización das eleccións". "Creo que as acusacións que se fan son graves. No plenario aprobouse un comité electoral e un regulamento. A dirección do proceso electoral compételle ao comité".

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2018