CRTVG

Buscar

Duro choque na coalición de goberno polas negociacións da reforma laboral

Publicado o 24/10/2021 10:10

• Yolanda Díaz: "Imos derrogar a reforma laboral malia as resistencias"

• Lastra asegura que é un compromiso: "Será o PSOE quen o faga"

Os socialistas afirman que non hai perigo de ruptura con Podemos a pesar do conflito aberto dentro do Goberno pola derrogación da reformal laboral. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, admite que hai moita resistencia pero asegura que se vai derrogar este ano. Adriana Lastra responde que será o PSOE quen o faga.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aproveitou a súa intervención no décimo segundo Congreso das Comisións Obreiras, para asegurar que Unidas Podemos mantén a súa decisión, inalterable, dixo, de derrogar este ano a reforma laboral do PP.

"Si, imos derrogar a reforma laboral e esta é a mensaxe que lles quero enviar ás persoas traballadoras deste país, imos derrogar a reforma laboral a pesar de todas as resistencias, que as hai, e son moitas", asegurou.

Unidas Podemos considera que os socialistas, e principalmente a vicepresidenta primeira, non queren derrogala e acusan a Nadia Calviño de entremeterse nun proceso que é competencia exclusiva da ministra de Traballo. Por iso solicitaron unha reunión urxente da comisión se seguimento do pacto de Goberno que terá lugar esta semana.

A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, respondeu desde o congreso dos socialistas estremeños. "Si, imos derrogar a reforma laboral, ímolo facer, ímolo facer, e vaino facer o partido socialista obreiro español", garantiu.

Fontes socialistas aseguran que non hai perigo de ruptura e que a coalición está forte pero o reelixido secretario xeral das CC. OO., Unai Sordo, facía esta advertencia: "Coidado con xogar con lume, coidado con precipitar finais acelerados de lexislaturas, coidado coa experiencia da repetición electoral e o que pasou coa irrupción da extrema dereita por facer o parvo".

O partido popular critica as contradicións internas do Goberno de Pedro Sánchez. "O problema non é que non haxa orde nun goberno, é a inseguridade xurídica, a inestabilidade e a incerteza que está xerando este Goberno con tanta contradición e con tanta loita interna", subliñou a voceira do grupo popular, Cuca Gamarra.

Noticias web

24/10/2021