CRTVG

Buscar

Investigan vinte persoas en España pola xestión irregular de residuos sanitarios da covid-19

Publicado o 28/11/2020 12:11

A Garda Civil investiga unha empresa dun holding internacional americano con sede europea en Londres pola mala xestión de residuos sanitarios da covid-19, nunha operación que remata coa detención e investigación de 20 persoas. A empresa reducía custos en envases, manipulación e equipos de protección, co incremento da dispersión do virus que supón. A denominada operación Rubio realizouse nas sedes da empresa en Cataluña, Valencia, Baleares e Madrid, pero tamén en Portugal.

A vixilancia do Seprona detectou que os residuos infecciosos quedaban na rúa e sen os envases axeitados a causa de utilizar embalaxes máis económicas. O aforro facíase a custa de que os envases, con substancias líquidas, se deteriorasen e o contido das bolsas se vertese na vía pública.

A maioría dos operarios só dispuñan de luvas como equipos de protección individual. O modus operandi da multinacional permitía un incremento dos beneficios logrados que se estiman nun 300 por cento. A empresa asumía un volume e un tipo de residuos superiores á súa capacidade real, o que supuña tratamentos incorrectos que non neutralizaban a carga vírica e que implicaban risco de infección.

Ademais, utilizaban naves non autorizadas para o almacenamento clandestino dos residuos. A empresa incrementou a xestión en tres toneladas nuns meses, sen ter capacidade para facelo. Aos responsables atribúenselles delitos relacionados coa xestión irregular de residuos, contra os dereitos dos traballadores e contra a saúde pública.

Estas actuacións poden ser obxecto de sancións penais con condenas de cárcere de dous a cinco anos, multas de ata 24 meses e inhabilitacións para profesión de un a tres anos.







 

Noticias web

28/11/2020