Investigan unha posible agresión sexual a unha moza en Lugo

O Corpo Nacional de Policía (CNP) abriu unha investigación para determinar se unha moza lucense foi obxecto o pasado venres de madrugada dunha agresión sexual, dado que non é capaz de acordarse do que lle sucedeu durante varias horas, ata que foi recollida por un amigo, que a levou a durmir á súa casa.
O pasado venres, desde o servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) activouse o protocolo por unha posible agresión sexual, cando unha moza, "maior de idade pero moi nova", se presentou no centro sanitario acompañada da súa nai ante o temor de que puidese ser vítima dunha agresión sexual.
Segundo os mesmos informadores, aínda non foi presentada a correspondente denuncia por parte da vítima, pero unha vez activado "o protocolo correspondente", a Policía Nacional puxo en marcha unha investigación para determinar que sucedeu. A rapaza, que saíu cuns amigos pola zona de Clérigos, non se acorda de nada do sucedido durante varias horas, nun período comprendido entre as tres e as cinco da mañá, ata que foi recollida por un amigo na zona de Outes.
Ante o temor de que puidese ser vítima dunha agresión sexual nese tempo, foi ao HULA para ser sometida ás correspondentes análises, cuxos resultados se coñecerán dentro duns días, e desde o hospital activouse o protocolo habitual nestes casos.