CRTVG

Buscar

A policía sitúa en Málaga a galeria de tiro con fotos de varios membros do Goberno

Publicado o 18/06/2020 22:50

A Avogacía do Estado vai presentar unha denuncia ante a Fiscalía para tratar de esclarecer os feitos e identificar os autores dun vídeo onde se ve como disparan contra fotografías do membros do Goberno, entre eles Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Fontes do Executivo confirmaron esta denuncia da Avogacía e mostraron a súa "total repulsa e condena" destas imaxes "que conteñen ameazas graves e sementan o odio".

"Feitos así alimentan os sectores máis ultras da sociedade que pretenden destruír valores esenciais da nosa democracia e da nosa Constitución, como son a convivencia e o respecto absoluto da pluralidade política", aseguran.

No vídeo, difundido en redes sociais, vense prácticas de tiro contra fotografías do presidente do Goberno, Pedro Sánchez; do vicepresidente segundo, Pablo Iglesias; os ministros Irene Montero e Fernando Grande-Marlaska, e o dirixente de Podemos Pablo Echenique.

O vídeo foi colgado nas redes e rechouchiado por miles de persoas, e no mesmo aparecen dous homes, un deles cunha arma que, nunha especie de galería de tiro, dispara contra as imaxes destes políticos e derrúbaas.

Segundo as primeiras pescudas, a arma empregada non é a que teñen como dotación regulamentaria as forzas de seguridade.

Nunha mensaxe en redes sociais en que adxunta o vídeo, Pablo Iglesias avisou de que as "ameazas de morte" non os apartará da súa tarefa de reforzar a xustiza social e "unha recuperación económica para todos". Tamén se referiu a esas imaxes o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, que asegurou que "normalizar ou contemporizar co discurso da ultradereita non é gratis para a democracia".

"Ningún partido debería permanecer indiferente ante ameazas tan explícitas e sinistras como a que representan e difunden estes indesexables. A Fiscalía debe actuar", engadiu.

 

 

Noticias web

18/06/2020