CRTVG

Buscar

Investigan un veciño de Rianxo que tiña 35 cans en condicións "deplorables"

Publicado o 18/03/2019 21:10
Investigan un veciño de Rianxo que tiña 35 cans en condicións "deplorables"

A Patrulla de Seprona da Compañía da Garda Civil de Noia, en colaboración coa Policía Local de Rianxo, procedeu á investigación dun veciño desta última localidade como presunto autor dun delito de malos tratos animais por ter máis de 25 cans en condicións "deplorables".

Segundo informa o Instituto Armado, os feitos iniciáronse no transcurso dunha inspección rutineira, cando a Garda Civil decatouse de que 25 cans adultos e 10 cachorros "estaban en condicións hixiénico-sanitarias deplorables" con, engade, "síntomas evidentes de delgadez extrema e mesmo nalgúns casos con sarna". Ademais, achouse un can morto, concretaron os axentes.

Ao lugar dos feitos, "sen apenas un anaco de superficie onde non houbera restos de ouriños, excrementos e mesmo pedazos de reses mortas", tamén acudiu un veterinario para comprobar o estado dos animais. Así, puideron constatar "a escasa atención" cara aos mesmos e que carecían de cartilla de vacinación. Só cinco cans tiñan microchip e "todos posuían abundante parasitación externa", destacan as mesmas fontes.

"Descoñécese en que consistía a dieta dos cans, debido a que non se atopou penso ou outro tipo de comida adecuada no lugar dos feitos", indica a Policía.  Pola cantidade de restos putrefactos doutros animais no chan, "é posible que este fose o tipo de alimentación que inxerisen os cans para subsistir", considera o Instituto Armado.

No mesmo lugar tamén se acharon 18 tenreiros e un cabalo nas "mesmas condicións hixiénico-sanitarias" que os cans, asegurou a Garda Civil. Os cans quedaron a disposición do Xulgado de Padrón e os tenreiros e o cabalo a disposición da Concellería do Medio Rural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/03/2019