CRTVG

Buscar

Investigan un lancarés acusado de matar dun tiro o can dun veciño

Publicado o 29/09/2020 14:09

Rufino, de catro anos, morreu como consecuencia dun disparo dunha arma de aire comprimido. A súa dona, residente en Quintela de Trasliste, no concello de Láncara, garda o proxectil que alcanzou o corazón do cadeliño, que morreu a poucos metros da súa casa.

"Cando regreso polo camiño para a casa, véxoo aí tirado nesa esquina. Chamei por el, que se chamaba Rufino, e xa vin que estaba tombadiño. Entón mireino e vinlle moi pouquiño sangue, pero como non me reaccionou, collino no colo, tróuxeno, púxeno nun sofá e arrinquei con el para Sarria para a veterinaria. Alí, empezaron a mirar e dixéronme que lle dispararan. Intentaron reanimalo, pero non foi posible", di Manuela Besteiro, dona do can morto.

A Garda Civil investiga agora un veciño do lugar como presunto autor do disparo que acabou coa vida do animal. Segundo os seus donos, xa é a terceira vez que lles agriden os seus cans. Os dous primeiros foron un mastín e mais un chihuahua, ambos os dous lesionados cunha forca. Ademais, o máis pequeno tampouco sobrevivira á agresión.

"É o terceiro can que me agride. Un é este mastín que está aquí. Cravouno nunha ocasión, sendo moito máis pequeno. Despois preguntámoslle por que lle cravara e dixo que fora o seu fillo. Logo, tiña un chihuahua e apareceume, hai denuncia tamén, cunha forca cravada na xugular, segundo certificou o veterinario", explica Manuela Besteiro.

O veciño imputado como suposto autor dun delito de maltrato animal con morte xa foi posto a disposición do xulgado de primeira instancia e instrución de Sarria.

Noticias web

29/09/2020