CRTVG

Buscar

Investigan un home preso en Alemaña como sospeitoso da desaparición de Madeleine McCann

Publicado o 03/06/2020 21:35
Investigan un home preso en Alemaña como sospeitoso da desaparición de Madeleine McCann

Novidades no caso de Madeleine McCann. Scotland Yard acaba de comunicar que investigan un preso alemán de 43 anos. O home estaba en Praia da Luz a noite en que desapareceu a cativa hai xusto agora 13 anos. Sitúan o sospeitoso na zona grazas a rexistros telefónicos.

O sospeitoso, cuxa identidade non se divulgou, é un home branco que pasou tempadas no Algarve portugués entre 1995 e 2007, e estaba "conectado coa área" de Praia da Luz, onde a menor desapareceu, cando tiña case catro anos, mentres durmía xunto ao seu irmáns xemelgos nun apartamento turístico.

O individuo, en prisión por motivos non relacionados con este caso, foi condenado en varias ocasións por crimes sexuais, incluídos abusos a menores, segundo a Oficina Federal da Policía Criminal (BKA).

Hai trece anos tiña o cabelo curto e louro, era de complexión delgada e medía arredor de 1,82 metros, sinalou a policía británica nun comunicado.

O equipo de Scotland Yard, que dirixe a chamada operación Grange, que trata de achar pistas da nena desde 2011, colaborou coas autoridades alemás para dar coa pista dese sospeitoso e identificou dous vehículos que o home puido utilizar arredor do momento da desaparición: unha furgoneta de cámping Volkswagen T3 de principios dos anos 1980, de cor branca e amarela e con matrícula portuguesa e un Jaguar modelo XJR 6 de 1993, con matricula alemá.

A policía pide tamén a colaboración cidadá para obter información sobre dous números de teléfono móbil, ambos con prefixo de Portugal.

Scotland Yard cre que o sospeitoso utilizou o número +351 912 730 680 e recibiu unha chamada desde as 19.32 horas ata as 20.02 horas do 3 de maio de 2007 na área de Praia dá Luz.

O segundo número é o +351 916 510 683, desde que o que se efectuou esa chamada e que non se atopaba nesa área do Algarve.

Os pais da nena, Kate e Gerry McCann, indican no comunicado da policía que dan a "benvida" ao novo fío de investigación que se abriu.

"Queremos agradecer ás forzas policiais involucradas os seus continuos esforzos na procura de Madeleine. Todo o que desexamos sempre é atopala, destapar a verdade e levar os responsables ante a xustiza", afirman.

 

 

 

Noticias web

03/06/2020