CRTVG

Buscar

Investigan un condutor menor de idade que fuxiu tras colidir contra outro coche en San Amaro

Publicado o 26/06/2019 20:53
Investigan un condutor menor de idade que fuxiu tras colidir contra outro coche en San Amaro

A Garda Civil investiga un mozo menor de idade que conducía un vehículo e que abandonou o lugar do accidente, no municipio ourensán de San Amaro, tras sufrir unha colisión con outro turismo.  

Segundo informou a Garda Civil, os feitos tiveron lugar o pasado 17 de xuño, cando se produciu unha colisión entre dous turismos na zona de Casardomato. Á chegada dos axentes, o condutor dun dos turismos abandonara o lugar, polo que non puido ser identificado.

Nun primeiro momento, foi outro dos ocupantes o que dixo que ía conducindo, aínda que isto puido ser descartado polos investigadores. Por mor das indagacións, os axentes tomáronlle declaración en calidade de investigado a unha das persoas que viaxaban no coche, que identificou o autor como un mozo menor de idade. 

A Garda Civil lembrou que o delito de abandono do lugar de accidente está tipificado no Código Penal con penas que van desde o seis meses ao catro anos de prisión.

Noticias web

26/06/2019