CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Investigan un caso de malos tratos a animais nunha casa de Campañó, Pontevedra

Publicado o 06/10/2017 14:19

O refuxio de animais de Pontevedra recibiu de súpeto 18 cans rescatados dunha casa de Campañó. Os animais estaban en moi mal estado, abandonados de todo, a maioría sen pel, con parasitos e ata con extremidades rotas.

O Seprona investiga a responsabilidade dos donos da vivenda onde atoparon os cans.

Un refuxio de animais saturado xa case non é noticia, porque a maior parte están ao completo. Pero o de Pontevedra atópase desbordado despois de acoller dezaoito cans dunha vez. Unha denuncia anónima ante o Seprona descubriu o estado e abandono no que se atopaban estes animais nunha casa de Campañó.

"Chegaron nunha situación deplorable. Algúns viñeron cegos, a maioría sen pel, cunha sarna espantosa, e moitos coas patas rotas que ao final a algún imos ter que amputarllas porque levan moito tempo así".

Os voluntarios e o persoal do refuxio coinciden en que daba mágoa ver os animais. Agora permanecen nas dependencias habilitadas para pasar a corentena, onde lles están proporcionando medicación e os coidados que necesitan. E xa se está buscando axuda para afrontar esta nova situación.

"O de medicación e todo iso é un gasto importante de diñeiro que hai que afrontar. E unha vez que se poñen ben, adopcións e casas de acollida".

Ao parecer os donos dos cans non eran conscientes do mal estado no que se atopaban e choraron cando llos retirou a Garda Civil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí