CRTVG

Buscar

Investigan se unha muller matou o seu fillo tetrapléxico antes de suicidarse en Ourense

Publicado o 17/01/2020 19:59

• O home, de 45 anos, ingresou en coma e faleceu o día seguinte | Quedara tetrapléxico nun accidente de tráfico hai cinco anos

• A súa nai, de 66, quitárase a vida no seu domicilio. Sospéitase que foi ela a que lle deu metadona na súa última visita

O falecido, un home de Ourense, de 45 anos, estaba ingresado nesta residencia. A raíz dun accidente de tráfico que sufriu en 2016, quedou tretrapléxico. Tampouco falaba nin interactuaba, polo que a Policía, que investiga o caso a través da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, abordouno como un homicidio, aínda que non desbotan a eutanasia. Sospeitan que a nai lle subministrou unha substancia, supostamente metadona, durante a súa última visita, o domingo pasado. Ao detectárenlle unha insuficiencia respiratoria, os responsables do centro trasladárono ao complexo hospitalario ourensán, en estado de coma. Faleceu o día seguinte, o luns pasado pola tarde. Horas antes, ese mesmo luns, a nai, de 66 anos, suicidiouse.

O caso, que non transcendera ata o momento, pasou hoxe ao xulgado de garda, que será o que determine as responsabilidades penais, que poderían extinguirse ao falecer a presunta autora da morte.

Polo momento, non transcenderon máis datos sobre o suceso. Ambos os falecidos eran coñecidos no círculo policial polos seus antecedentes relacionados co tráfico de drogas e roubos con forza.