CRTVG

Buscar

Investigan se unha familia británica residente en Mallorca ten o coronavirus de Wuhan

Publicado o 08/02/2020 17:53

Catro membros dunha familia británica permanecen ingresados en Mallorca pendentes de que se confirme se están infectados ou non co coronavirus de Wuhan. O pai estivo en contacto cunha persoa que deu positivo en Francia.

Os ingresados en Mallorca polo coronavirus son unha parella e as súas dúas fillas, de 10 e 7 anos, británicos pero residentes na illa. Están no hospital Son Espases de Palma desde onte á noite.

O pai acudiu ao hospital tras avisar de que estivera en Francia cunha persoa que deu positivo ao virus e de el, a súa muller e unha das nenas sentíranse mal. Os servizos médicos trasladaron despois o resto da familia ao centro.

O home xa non ten síntomas. Tampouco a nai nin a nena menor. A de 10 anos deu positivo á gripe común e ten febre, pero está ben. As probas para saber se teñen o virus de Wuhan enviáronse a Madrid esta mañá e o resultado saberase nun día ou dous.

As últimas cifras sobre a enfermidade ofrecidas polas autoridades chinesas elevan o número de mortos no país asiático a 722 persoas e o de contaxiados, a preto de 35.000, entre eles máis de 6.000 en estado grave. Fóra da China ata o momento rexistráronse dúas mortes, unha nas Filipinas e outra en Hong Kong.

O representante da Organización Mundial da Saúde na China di que de momento non se pode predicir a evolución do virus. Puntualiza que a epidemia está lonxe de rematar, que ven sinais bos e signos de control pero que neste punto o mellor, máis que mirar bólas de cristal, é a vixilancia.

As autoridades chinesas remataron o segundo hospital exprés construído en Wuhan para atender esta crise.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2020