CRTVG

Buscar

Investigan se o coche que se esnafrou na ronda da muralla de Lugo estaba competindo

Publicado o 19/08/2019 13:38
SEGUIMENTO ACCIDENTE NA MURALLA

Pese á espectacularidade do accidente, o condutor do vehículo só sufriu feridas leves. Circulaba de noite pola ronda da muralla de Lugo, onde a velocidade está limitada a trinta quilómetros por hora. Todo apunta a que podería estar participando nunha carreira con outro condutor do que non se ten noticia. É unha das hipóteses que baralla a Policía Local, que investiga o accidente. A falta de testemuñas oficiais, é a versión dos veciños.

O coche, de gran potencia, acababa de adquirilo o mesmo día do accidente. Quedou totalmente desfeito. Colidiu contra o peche dun edificio e o motor saiu disparado para a beirarrúa da muralla.

O mozo implicado é un vello coñecido polos axentes da orde. É un veciño de Lugo, de 22 anos, pero que xa estivo involucrado en pelexas e trapicheos de droga. Tamén é asiduo das redes sociais e de feito, pouco despois de sufrir o accidente, presumía da súa fazaña nas redes sociais.

A policía local de Lugo está a investigar como se produciu o accidente para imputarlle os delictos correspondentes.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/08/2019