CRTVG

Buscar

Investigan se o asasinato da muller do Carballiño é un crime machista

Publicado o 30/01/2017 20:09

Xosé Alén, o veciño do Carballiño que supostamente asasinou a súa muller, permanece ingresado no Hospital de Ourense, á espera de pasar a disposición xudicial

Foi un irmán da vítima deste crime, Virxinia Ferradás, de 55 anos, quen deu o aviso á Policía Local porque non podían contactar coa parella. Ao chegar ao domicilio, ao non ter resposta, decidiron entrar por unha fiestra. No interior atoparon a muller morta e o seu marido, Xosé Alén, de 59 anos, intentado lesionarse cun coitelo.

A morte da muller parece que foi causada por asfixia, a falta de coñecerse aínda os datos da autopsia.As autoridades non tiñan constancia de denuncias previas por malos tratos, aínda que si dunha interevención policial a causa do comportamento que ultimamente sufría o home. Hai dez días intentara suicidarse. Dende o Concello do Carballiño confirman que a muller solicitara unha axuda á dependencia e el estaba sendo tratado por unha demencia.

Virxinia e Xosé estiveran emigrados 25 anos en Suíza e este verán pasado decidiran regresar a Galicia. 
O suposto autor do crime permanece detido e ingresado na Unidade de Agudos Psiquiátricos do Hospital de Ourense. Antes de pasar a disposición xudicial está previsto que sexa avaliado polos médicos. Dos resultados dependerá en boa medida de que o xuíz determine se estamos ou non ante un crime de violencia machista.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2017