CRTVG

Buscar

Investigan os asaltos nunha nave industrial de Mos

Publicado o 25/03/2019 13:31

É unha nave industrial que está en venda e que cesou hai tempo a súa actividade no sector frigorífico. Porén, non se libra dos asaltos. O último foi na madrugada do sábado. Tres mozos, de entre dezasete e dezanove anos, tentaban levar ferramentas e parte da maquinaria que aínda hai no seu interior cando a Garda Civil os sorprendeu. Os axentes frustraron o seu intento de fuga nun vehículo en que xa levaban bobinas e fío de cobre subtraído, ademais de instrumentos para poder perpetrar o roubo. Os tres quedaron detidos pero, tras prestar declaración, o xulgado de garda do Porriño decretou liberdade provisional con cargos para dous deles. O terceiro, de dezasete anos de idade e con antecedentes policiais por outros roubos en Nigrán, quedou a cargo da Fiscalía de Menores e dos seus pais.

A Garda Civil confirmou que a colaboración cidadá fora clave para poder impedir este roubo. E é que non é a primeira vez que esta nave industrial sofre algún asalto. De feito, os axentes que os investigan non descartan que na maior parte dos casos os delincuentes sexan persoas que pertencen a un mesmo grupo organizado.

Segundo o propietario da nave, nestes asaltos os ladróns tamén levaron portas, ventás e cableame eléctrico, causando moitos estragos materiais no interior. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019