Investigan o propietario dun cabalo morto en Mos por un delito de maltrato animal

A Garda Civil investiga o propietario dun cabalo morto en Mos (Pontevedra) posiblemente por hipotermia e desnutrición pola suposta comisión dun delito de malos tratos animais. Segundo informaron fontes da Benemérita, as investigacións iniciáronse a principios desta semana despois de que un cidadán informara de que un cabalo se atopaba atado cunha corda a unha estaca nun monte desde había varios días.
Posteriormente, os efectivos localizaron o animal tirado nun charco de auga situada nun bulleiro e comprobaron que se atopaba extenuado e semiinconsciente. Mediante a axuda dun gandeiro, trasladouse o equino ao seu cortello, onde faleceu pouco despois a pesar de ser atendido por un veterinario, quen achacou a morte a unha posible hipotermia e a unha avanzada desnutrición.
Ademais, localizouse e identificou o propietario do cabalo, ao que se informou de que o investigaban por un suposto delito de matrato animal. Mentres, este home asegurou que tivera que atar no monte o animal dado que non podía atendelo pois o seu avó fora hospitalizado. Así mesmo, instruíronse as dilixencias correspondentes, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución do Porriño (Pontevedra) en funcións de garda, onde deberá comparecer o investigado.