CRTVG

Buscar

Investigan o operario dunha granxa da Pastoriza por apuñalar as vacas

Publicado o 03/12/2019 14:08

A Garda Civil investiga un operario dunha explotación de vacún da Pastoriza que presuntamente apuñalou varios animais na barriga cun desaparafusador. O dono da granxa denunciouno unha vez comprobou, a través das gravacións das cámaras de videovixilancia, o motivo polo que o gando estaba nervioso en presenza dese traballador. O gandeiro asegura que media ducia de vacas quedaron afectadas polas supostas agresións e que polo menos unha delas morreu a consecuencia destes feitos.

"Aproveitando que eu caín enfermo e creo que querendo provocar o seu despedimento, ocorréuselle coller un desaparafusador e cravárllelo na barriga ás vacas mentres estaba na sala de muxido. Iso provocoulles ás vacas un grande estrés, graves lesións e incluso alguha baixa", di Raúl Rodríguez, gandeiro que denunciou o maltrato animal.

Os veterinarios que asisten a granxa foron os primeiros en decatarse de que algo ía mal. Viron que as vacas sufrían estrés e amosaban vultos e feridas no abdome, polo que deron aviso ao xerente da explotación, que denunciou o operario por maltrato animal en canto descubriu o calvario ao que estaba a ser sometido o gando. "No muxido, a verdade é que as vacas estaban moi nerviosas. Déronse de conta os veterinarios, que foron os que nos avisaron da situación posto que eu estaba de baixa. E agora mesmo estamos en preito con el".

O operario investigado por maltrato animal encóntrase de baixa dende que recibiu a primeira amoestación por escrito por parte do dono da explotación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019