Investigan o antigo sancristán de San Cibrán, en Vilanova de Arousa, por roubos na igrexa
Durante 25 anos un veciño de Vilanova de Arousa foi o sancristán da igrexa da parroquia de San Cibrán, a persoa encargada de que todo funcionase correctamente no templo.
Cando faleceu o vello párroco, don Tucho, chegou o seu substituto, Manuel Folgar. El calcula que na parroquia hai preto de 3.000 fregueses. E foron algúns deles quen se achegaron a el para contarlle que na igrexa faltaban numerosos obxectos, tallas de madeira policromada, capelas domiciliarias, unha cruz de prata e ata vestiario litúrxico.
O sacerdote puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil. Dous meses despois era detido o sancristán, por un delito de furto e apropiación indebida. No rexistro do seu domicilio encontráranse os obxectos roubados.
Ante estes feitos, na vila elixen a discreción, porque o suposto responsable dos roubos é unha persoa ben coñecida. A igrexa confirma que todos os materiais subtraídos foron devoltos á parroquia.
Situada no Camiño Portugués, a igrexa de Vilanova recibe moitas visitas de peregrinos e turistas. O Equipo de Patrimonio Histórico da Garda Civil de Pontevedra é a unidade encargada da investigación. A instrución corresponde ao Xulgado número 1 de Vilagarcía de Arousa.