CRTVG

Buscar

Investigan dúas presuntas agresións sexuais no barrio coruñés dos Mallos

Publicado o 03/11/2020 14:52

Os feitos aconteceron, supostamete, na noite do xoves ao venres pasado. Unha das vítimas, de 54 anos, contactou co suposto agresor, coñecido dela, para que lle amosase un piso porque estaba buscando vivenda.

Ambos os dous achegáronse ata a avenida dos Mallos e, ao chegar aquí, accederon á zona dos rochos. O home, supostamete, sen precisar o motivo, entregoulle cen euros á muller e pechouse con ela no interior deste rocho. Acto seguido, presuntamente, espiuna á forza coa intención de manter relacións sexuais.

Pero tras forcexar con el, logrou non ser agredida e o home, arrebatándolle os cen euros que lle dera previamente, abandonou o lugar e deixouna pechada na zona común de acceso aos rochos.

Unha patrulla da Policía Local que estaba desempeñando as súas funcións pola zona foi comisionada pola sala do 092, o ao chegar ao lugar, socorrérona.

A outra suposta vítima, de 36 anos, quedou tamén co home. Con enganos logrou conducila ata o mesmo rocho e aquí, presuntamente, forzouna a manter relacións sexuais, chegando incluso a causarlle lesións.

As dúas mulleres, con discapacidade psíquica, recibiron atención médica. Tras o seu relato, os axentes activaron o protocolo de actuacións para delitos de índole sexual e grazas aos datos facilitados por elas lograron prender o home no seu lugar de traballo, próximo a onde, presuntamente, aconteceron os feitos.

Agora, a Policía Nacional é quen se encarga da investigación.

Noticias web

03/11/2020