CRTVG

Buscar

Investigan catro ósos humanos aparecidos na foxa do crime de Alcasser

Publicado o 03/07/2019 12:50

Os ósos que apareceron hai nove días na foxa do caso Alcasser son humanos e poderían pertencer a Miriam, Toñi ou Desirée. A Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Valencia confirma que se trata de catro anacos das falanxes dos dedos. Agora correspóndelle ao xulgado autorizar que sexan cotexados co ADN das tres menores asasinadas en 1992.

Vinte e seis anos despois da aparición dos cadáveres das nenas, un dos casos máis mediáticos da crónica negra deixa este novo episodio. Nos mesmos terreos onde atoparon os corpos das rapazas en 1993, un veciño da zona descubría hai nove días uns anacos de óso que entregou na Garda Civil. O Instituto de Medicina Legal de Valencia acaba de confirmar que se trata de ósos humanos.

Son, concretamente, anaquiños das falanxes dos dedos, pezas moi pequeniñas e sen datar. Pero dase a circunstancia de que o cadáver dunha das nenas tiña unha man incompleta, problamente devorada por algunha alimaña. Agora será o xulgado encargado do caso o que decidirá se procede cotexar estes ósiños co ADN de Miriam, Toñi e Desirée.

Polo asasinato das nenas de Alcasser segue en busca e captura Antonio Anglés, o suposto autor material. En aplicación da doutrina Parot, Miguel Ricart, condenado a 170 anos, saiu de prisión en 2013 despois de 21 anos na cadea: a oitava parte da pena.

Noticias web

03/07/2019