CRTVG

Buscar

Investigan as motivacións do crime da estación de Frankfurt

Publicado o 30/07/2019 13:22

Investíganse os motivos que levaron a un home a tirar unha muller de 40 anos e o seu fillo diante do tren de alta velocidade que entraba á primeira hora da mañá na estación central de Frankfurt. 

O cativo, de oito anos, faleceu no lugar, a nai logrou esquivar o atropelo pero quedou ferida e está en estado de shock. Testemuñas dos feitos relataron que o atacante tentou empurrar á vía unha terceira persoa, desta vez sen éxito. Foi detido pouco despois de cometer o crime na mesma estación. O Ministerio de Interior informou de que se trata dun cidadán de orixe eritrea. Está casado, ten tres fillos e vivía ata hai pouco no cantón de Zúric, en Suiza. A Fiscalía investiga en que medida unha enfermidade mental puido ter que ver neste suceso. O home deu negativo nas probas de alcohol e drogas. Non está claro por que viaxou a Frankfurt para cometer o crime.

Autoridades políticas expresaron as súas condolencias e agardan os resultados das pescudas da policía no medio dun clima de tensión neste estado de Hesse. Ata o de agora, non hai evidencias de que todo isto estea relacionado co ocorrido noutra cidade próxima a semana pasada, cando dispararon un home eritreo, presuntamente, por motivos racistas inspirados pola ideoloxía de extrema dereita.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/07/2019