CRTVG

Buscar

Investigan as causas do incendio en que morreu unha nonaxenaria en Tomiño

Publicado o 27/09/2019 13:29

Á espera dunha segunda inspección dun equipo da Policía Xudicial da Coruña, a Garda Civil mantén aberta unha investigación para determinar as causas do incendio en que morreu unha veciña de Tomiño.

Sucedeu nesta vivenda no lugar de Cristelos. No momento en que se orixinou o lume, a muller estaba soa na casa. Foi o seu fillo, que traballaba a poucos metros do inmoble, quen tentou rescatala coa axuda duns veciños pero o intenso fume que provocou o incendio impediulles entrar na vivenda. As mesmas dificultades tiveron os bombeiros do Porriño, que conseguiron acceder á casa por unha ventá. Non puideron facelo pola entrada principal ao ceder parte da estrutura do primeiro andar. Cando localizaron a nonaxenaria xa falecera.

Non puideron facer nada por salvarlle a vida os servizos médicos desprazados, que si atenderon por inhalacion de fume o fillo da vítima, que vivía con ela. Algunhas testemuñas aseguran que o lume se propagou moi á présa nunha vivenda con moita madeira na estrutura interior, polo que a muller, de noventa anos, non tivo tempo de reacción.

O primeiro andar da casa onde se orixinou o lume quedou practicamente calcinado e a adega tamén está afectada. Á espera do informe pericial, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Tomiño púxose en contacto coa familia da falecida e amosou a súa disposición para xestionar calquera axuda que puideran precisar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/09/2019