Investigan a virulencia da variante ugandesa detectada en Andalucía
A variante de Uganda é unha mutación da covid moi pouco frecuente, detectada por primeira vez no país africano. O xoves identificouse o primeiro caso en Andalucía e o venres, a Consellería de Sanidade confirmaba a existencia de tres casos. Un dos infectados con esta variante, un enfermo de 90 anos, morreu. Os outros dous, de 35 e 51 anos, seguen confinados nos seus domicilios e evolucionan ben. Ata o momento só se localizara en Uganda e algún caso moi illado no Reino Unido. Á espera da investigación, hai indicios de que pode ser máis contaxiosa.
"Necesita ser analizada desde o punto de vista microbiolóxico para confirmar as mutacións que ten, os cambios que ten sobre a orixinal e despois desde o punto de vista clínico para saber se se trasmite dunha maneira máis rápida ou máis lenta e se produce nas persoas unha enfermidade máis grave", indica José Miguel Cisneros, xefe de enfermidades infecciosas do hospital Virgen del Rocío de Sevilla.
Este experto en enfermidades infecciosas advirte de que seguirán aparecendo máis variantes porque esta é a evolución natural dos virus en xeral e do coronavirus en particular. Agora mesmo sanidade vixía a evolución de dez. As máis relevantes seguen sendo a británica, a surafricana e a brasileira.