CRTVG

Buscar

A autopsia confirma a morte violenta da muller que atoparon morta nun piso do Barco

Publicado o 11/09/2021 20:08

• Non hai detidos e avanzan os interrogatorios no círculo da moza

Foi no segundo andar deste edificio do centro do Barco de Valdeorras, a poucos metros do hospital, onde apareceu o cadáver da muller. Segundo algúns veciños, o corpo presentaba diferentes cortes e en especial no pescozo, malia que a Garda Civil mantén o segredo sobre este e outros aspectos do acontecido. O cadáver xa está no hospital de Ourense, onde se lle vai practicar unha autopsia, que será decisiva para saber o que pasou. Os veciños están consternados ante un suceso dramático e inesperado que chega en plenas festas da localidade.

"Estamos consternados e sentímonos impotentes."

"Aínda non o creo. No medio da vila. Tan nova. Eu vivo por alí."

"Unha mágoa unha rapaciña tan nova."

O concello convocou unha concentración de repulsa ante o acontecido e en solidariedade coa vítima. Polo de agora estase á espera de que a Subdelegación do Goberno facilite máis información sobre o suceso. O seguinte paso será contactar cos familiares da muller, de nacionalidade paraguaia, e seguir o protocolo para o traslado ou para o soterramento do cadáver.

"Pode ser unha morte violenta. Algo ao que non estamos afeitos e que causa preocupación."

A falecida levaba pouco tempo residindo no Barco e, ao parecer, desprazábase con frecuencia a outras localidades. No cuartel da Garda Civil xa están a traballar axentes da Policía Xudicial desprazados para a investigación.

Noticias web

11/09/2021