CRTVG

Buscar

Aparece morto dentro do coche no fondo dun terraplén en Ribeira de Piquín

Publicado o 02/05/2019 21:04

Un home morreu en Ribeira de Piquín, preto da Fonsagrada, nun accidente de tráfico que se produciu en estrañas circunstancias. A falta de visibilidade e a escaseza de vehículos foron as causantes de que se tardara varios días en detectar a presenza do vehículo sinistrado. O coche caeu uns trinta metros por un noiro e bateu contra un piñeiro. Todo apunta a que o home perdeu a vida no acto. Foi un veciño quen detectou que se producira o accidente.

Segundo os veciños da zona, o falecido levaba días desaparecido se ben era habitual que se ausentara do seu domicilio.

Os primeiros indicios apuntan a que o accidente se produciu o domingo pola noite e, previsiblemente, cando o home tentaba dar a volta co seu vehículo para cambiar de dirección. Así se desprende do feito de que había sinais de rodas no lugar.

Os veciños que o localizaron, dende un tractor e case por casualidade, comunicaron á Garda Civil que o cadáver estaba moi hinchado e nunha posición tan forzada que algúns membros estaban desencaixados. Tamén din que se o accidente se producira no inverno, cando apenas se usan os tractores, o vehículo podería pasar semanas no lugar sen que ninguén o vira.

Félix Fernández, veciño do falecido: "Vímolo porque pasamos co tractor porque se non era case imposible. Dende un coche non se ve porque hai moita pendente. O primeiro foi chamar ao posto médico".

Ata o lugar do sinistro acudiron efectivos dos bombeiros de Vilalba e membros de protección civil que colaboraron na difícil tarefa de liberar o cadáver. Un guindastre foi o que retirou o vehículo.

A Garda Civil de Tráfico xa está a investigar as causas polas que se produciu o accidente.

 

Noticias web

02/05/2019